O queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa
O queixo con D.O.P. Arzúa-Ulloa é o que máis producimos e consumimos en Galicia. Elaborado con leite natural e enteiro de vaca, conta desde 1989 coa denominación de Produto Galego de Calidade. Feito artesanalmente durante séculos, coa modernización do sector a partir dos 80 introdúcense na comarca de Arzúa as primeiras cubas de aceiro, pasteurizadoras, fermentos lácticos e presoiros industriais. Isto permitiu controlar mellor o proceso de produción, aumentando a calidade do queixo.
O queixo, foi recoñecido en 1995 como Denominación de Orixe Protexida, para aqueles producidos segundo un determinado método e orixinarios (leite e produción) nos concellos da Área xeográfica da D.O.P. Arzúa-Ulloa: Arzúa, Boimorto,Curtis, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro, Vedra e Vilasantar (na provincia da Coruña); Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Friol, Guntín, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín e Taboada (na provincia de Lugo) e Agolada, A Estrada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces (na provincia de Pontevedra).
Características
Presentación: en bloques lenticulares, con bordes redondeados de entre 100 e 260 mm de diámetro e entre 50 e 120 mm de alto. As pezas pesarán entre 0,5 e 3,5 Kg. De codia fina e elástica, sen fisuras, de cor de amarelo pálido a amarelo escuro, brilante e limpa. Moitas veces vai cinguido cunha cinta de tela.
Sabor: láctico, lixeiramente ácido e pouco salgado, a manteiga e iogur. A medida que madura aparecen sabores máis doces, a manteiga e a froitos secos.
Textura: untuosa, de pasta con poucos ollos e irregularmente distribuídos.
Materia graxa: un mínimo de 45% sobre o estrato seco.
Conservación e degustación
O queixo sigue madurando co tempo, polo que non se recomenda gardalo envolto en film transparente ou papel de aluminio, xa que precisa respirar. Aconséllase gardalo nun lugar libre de cheiros fortes e a unha temperatura constante de uns 8-10ºC. Cómpre deixalo a temperatura ambiente un par de horas antes de degustalo, para poder apreciar mellor os seus aromas, sabores e texturas.
Como outros queixos, combina ben co marmelo, pans enriquecidos, (pan de ovo de Carballo, por exemplo) e froitos secos. Tamén acepta sen problemas queixos de sabores máis fortes como compañeiros, que non o escurecerán, senon que axudarán a sacar á luz características máis sutís, espertando as nosas papilas gustativas.
Funde ben, o que o fai axeitado para gratinados, recheos e prebes con base de queixo.
CONTACTO: Consello Regulador D.O.P. Arzúa-Ulloa: queixo@arzua-ulloa.com | 981 507 653
Receitas D.O.P. Arzúa-Ulloa