PRIMEIRAS CONFIRMACIÓNS FESTIVAL DO QUEIXO 2023

Home/Festival do queixo/PRIMEIRAS CONFIRMACIÓNS FESTIVAL DO QUEIXO 2023

PRIMEIRAS CONFIRMACIÓNS FESTIVAL DO QUEIXO 2023

Muchachito Bombo Infierno, Leilía, We Are Not DJ´s e a Rondalla Moraima, actuarán no Festival do queixo 2023

A formación do catalán Jairo Perera, o trío galego Leilía, os festivaleiros We Are not DJ´s ou a Rondalla arzuá na sesión vermú, primeiras confirmacións do Festival do queixo, o sábado 4 e domingo 5 de marzo. Ademais, 6.º festival Pequequeixo para os máis pequenos.

O Festival do Queixo anuncia as primeiras confirmacións dentro do programa da 48.ª Festa do Queixo, o agardado encontro gastronómico e musical na vila galega do queixo por excelencia. Os concertos do terán lugar o sábado 4 e domingo 5 de marzo de 2023. Todos os concertos serán de balde, baixo a carpa que se instalará no campo da feira de Arzúa.

Estas catro confirmacións, xúntanse ao concerto xa confirmado hai uns días dos gañadores do concurso Queixo Maquetón, os carballeses “Apart”, que abrirán a xornada do sábado.

Os carballeses “Apart”, sábado 4

Os gañadores do concurso ‘Queixo Maquetón’, que levarán como premio 1.300 €, son unha banda de rock influenciada polos sons máis 70s e incorporan sutís detalles de soul e disco nas súas cancións. Cunha visión actual, modernizan un estilo baseado en riffs de guitarra e melodías vocais, facendo vibrar ao público desde os primeiros minutos.

Muchachito Bombo Infierno, sábado 4

Muchachito é Jairo Perera, un artista formado como músico tocando na rúas de Santa Coloma de Gramenet. A partir de 2002 comeza a crear o proxecto “Bombo Infierno”, formación pola que van pasando diversos músicos e coa que grava tres discos: “Vamos que nos vamos”, “Visto lo Visto” e “Idas y vueltas”. Entra a formar parte do grupo pantasma “G-5”, con Kiko Veneno, los Delinqüentes y Tomasito, e en 2013 entra a formar tamén parte de “La Pandilla Voladora”, segundo grupo pantasma integrada por Albert Pla, Lichis, El Canijo de Jerez e o propio Tomasito, cos que grava o tema “Del deporte también se sale”.

En 2015 grava «La Maqueta», e realiza unha xira en solitario en formato home-orquestra. En 2021, grava o tema principal para a película “El club del Paro” de David Marqués, e prepara o seu novo disco coa Bombo Infierno para 2022. Este ano volve cunha formación ao estilo Marching Band. Un show enérxico onde o repertorio adquire novos arranxos. Unha potente sección de ventos, elementos de percusión e a guitarra de Muchachito forman o cóctel para unha festa asegurada.

 

We are not DJ´s, , sábado 4

Destilan en cada directo unha paixón incontestable, unha emoción coidada, desapiadada, vándala e elegante a partes iguais. Fluctúan as súas sesións entre o desenfreo e a contención nun vaivén sutil. E aí é onde realizan o seu cóctel imbatible que mestura sen complexos nin compracencias a electrónica e o pop e o rock e indie. Cada evento é único, cada momento fugaz, cada instante prezado…  We Are Not Dj’s non se repiten. Non hai trampa. Só paixón. Son diferentes, manexan unha extensa paleta con infinitas posibilidades,  poden cambiar radicalmente de estilo, techno, rock, indie… tentando impactar, sorprender, mesmo cando pican os típicos hits. Son contundentes desde o minuto un (o cero é para a intro) saen a romper e saben poñer á xente para botar.


Rondalla Moraima, domingo 5

Iniciaron a súa andaina en 2000, coa idea de reunirse un grupo de persoas afeccionadas á música, para fomentar o gusto polos instrumentos de corda. O seu repertorio abarca dende pezas clásicas pasando por habaneras, boleros, música galega, música mexicana, música clásica… En 2019 gravaron e presentaron o seu primeiro disco “Aloumiñando”. Está conformada por 12 membros con instrumentos como guitarras, laudes, bandurrias, bandolinas e pandeiro.

 

Leilía, domingo 5

As vivencias coas que Leilía nos agasallou ao longo dos máis de trinta anos xuntas permítenos dicir que levan unhas “vidas cantadas”, como cantadas eran as vidas das mulleres das aldeas. “Vidas cantadas” é unha aposta integral, un proxecto no que cadran orixe e fin, pechan o círculo e dentro del teñen cabida ilusións, premios, colaboracións, recoñecementos, viaxes, amizades…, e unha infinidade de vivencias que mostran o que Leilía significa para a música deste país. Neste traballo retoman vellas cancións do seu repertorio e fanas súas de novo dándolles un aire novo.

 

Ademais, sexta edición do festival “Pequequeixo”, sábado 4 e domingo 5

O sábado 4, desde as 18.30 h terá lugar o festival ‘Pequequeixo’ o espazo dedicado aos máis pequenos, na Praza de Galiza (se chove, na Capela da Madanela) co «CONSERTASSO NA HORTA», Brais Das Hortas: música e humor para toda a familia. Letras e arranxos coidados para sementar e apañar risas e ganas de cantar xunt@s. Grelos e temassos, con equilibrio de formas e estilos. A Santa Compaña aparécese entre as patacas cantando un trap. Hai unha pulga punk da praia de Liméns, as cabras tiran para o monte, os caracois reivindican o seu ritmo…

O domingo 5, ás 11.30 h tomará o relevo MARTIÑA SOÑADORA”, con música composta especialmente para nen@s, con Sabela King ao ukelele e voz, e Carlos Gil ao piano e voz. Cancións e bailes de rock&roll e blues con ritmos brasileiros e portugueses, amenizados de fermosas letras en galego e francés.

Vémonos en Arzúa! #queixo2023

By | 2023-02-20T13:46:14+00:00 15 febrero 2023|Festival do queixo|0 Comments

Leave A Comment