Hoxe xoves 16 tivo lugar en Arzúa a presentación do programa completo da 42ª Festa do Queixo, no restaurante Casa Chelo.
Interviron:
JOSE LUÍS GARCÍA, alcalde de Arzúa
Explicou os obxectivos da festa e presentou moitas das novidades desta 42ª edición, como a Master Class de cociña de Beatriz Sotelo, Estrela Michelín, o pregón de María Castro, ou outra novidade e cambio importante, a inauguración oficial no campo da feira, o sábado 4 ás 12 h. baixo a carpa instalada este ano que servirá para acoller tamén o festival. Igualmente, os premios dos diferentes concursos de carteis, tapas, a 2ª edición do Arzuán do ano (a C. Natación, Nosa Sra. do Rosario e C.E.I.P. de Arzúa), o 1º certame de relatos sobre o queixo, que organiza a Queixería Barral. A ampla delegación de Niedereschach, a vila alemá coa que Arzúa está irmanada, e a actuación do Conservatorio de Música de Arzúa.
O alcalde fixo especial fincapé en que Arzúa inviste máis que ningún outro concello en promocionar o queixo. Isto repercute directa e indirectamente en moitos sectores, xa non só no lácteo. A festa é motor económico para a vila e a comarca, e o concello concentra o esforzo en mirar ao presente, e tamén a futuro. Conta coa mocidade da vila, como colaboradores/as, que levarán vales de compra no comercio local. Ou inviste en adquirir material para facer a festa máis acolledora e máis e corporativa con bandeirolas, esferas de helio e outras novidades este ano como as luces led co logotipo do evento que xa locen en Arzúa. Todo pensando en facer a mellor promoción e cun material que perdure e sexa reutilizable.
Presentou tamén a nova web festadoqueixo.org, creada en 2017 con vídeos, e un intenso traballo de documentación que faltaba visibilizar, con históricos de carteis, pregoeiros, grupos do festival ou gañadores dos concursos. Tamén o novo material promocional, feito en papel reciclado. Convidou a todos/as a queixear en Arzúa: a gozar da festa, a pasalo ben en calquera lugar. Todo con sentidiño e coidando o contorno, a gozar de todas as actividades, dos concertos, da música e do queixo e da vila.
MIGUEL VALLO, concelleiro de Cultura Concello de Arzúa
Presentou as novidades referentes ao amplo programa da 42ª edición: as novas queixerías inscritas, cun total de 70 expositores, cheo total do recinto feiral, esgotando os postos disponibles. Varias queixerías novas de todas partes do Estado e varios premios World Cheese Awards, queixerías PLTs tradicionais todas co obrigatorio rexistro sanitario, e a variedade de locais de alimentación especializada, de Galicia e de fora, con doce de algas, crema de mirabeis, pimentón de la Vera ou moitos máis produtos gourmet. A presenza dos concellos veciños como Boimorto e Melide, este a través da asociación Melide Terra Doce.
Destacou a colaboración importante cos obradoiros de repostería creativa e da Master Class de Beatriz Sotelo, a única chef galega estrela Michelín co premio «Cocinero del año», e da E.F.A. Piñeiral pola proximidade os 2 días dun intenso festival de balde, por vez primeira baixo carpa, acampada, creación do festival ‘Pequequeixo’ para os máis cativos, a presentación o sábado 4 de marzo da escultura homenaxe á Queixeira feita de queixo a tamaño natural, de case 500 kg de peso, unha peza única no mundo. Está elaborada pola Queixería Barral e feita nun molde de 2,10m feito en impresora 3D. Igualmente, a participación dos voluntarios e grupos de música e locais, con pasacalles e a Sesión vermú a cargo da Banda de música de Arzúa. Ademais. a semana previa de actividades, o fotocol das vaquiñas para queixear, food trucks na zona do festival, cinema clásico, ou a extensa programación de obradoiros para todas as idades que duplica as de edicións anteriores.
JOSE RAMÓN BERNÁRDEZ, responsable do concurso ‘Queixo Maquetón’
Destacou un ano máis a alta participación, con 54 bandas presentadas. Presentou tamén a DELBOSQUE, o grupo onubense gañador do 9º concurso Queixo Maquetón, que dará o seu concerto para abrir o festival do queixo o sábado 4 de marzo ás 21.30 h.
BEATRIZ SOTELO, restaurante ‘A Estación’ de Cambre (Estrela Michelín) – E.F.A. Piñeiral
Bea presentou a Master Class de cociña que impartirá no recinto feiral o domingo 5 de marzo, o obradoiro de repostería creativa para os máis cativos, e todas as actividades que vai desenvolver a E.F.A. Piñeiral de Arzúa no seu stand na Festa do Queixo 2017.
Obradoiros:
16.30 h. -17.45 h. «Piñeiral. O fabuloso universo das criaturas de Queixo»
Creando superheroes e monstruiños e modelados con queixo. De 7 a 14 anos
18 h. -19.15 h. Master Class con Bea Sotelo
*Croquetas de queixo de Arzúa con chicharróns
* Tomatiños recheos
* Escuma de queixo
ÓSCAR PÉREZ, secretario-xerente do C.R.D.O.P. Arzúa-Ulloa
Presentou o Concurso de Tapas e Petiscos con 27 locais participantes e as Catas comentadas con queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa, que se impartirán con motivo da festa nos centros educativos, antes de despois da fin de semana. Explicou a promoción que o Consello Regulador realiza a nivel estatal da marca Arzúa-Ulloa e a colaboración no evento mediante a organización do concurso, o venres 3 de marzo nos locais de hostalaría de Arzúa.
ALBERTO ALFONSO, director de Art Music Agency, produtora do Festival do Queixo
Presentou a programación íntegra e as propostas artísicas do Festival do Queixo 2017, que se celebrará por vez primeira baixo una gran carpa, destacando que este ano serán 2 días de concertos de balde, coa presenza o sábado 4 de artistas de prestixio como M-Clan, que presenta novo disco, Fuel Fandango ou o DJ Ale Acosta. E tamén o domingo 5, con artistas galegos de recoñecemento internacional como Mercedes Peón e Milladoiro.
Ao remate fixemos unha foto todos ‘queixeando’. Aos medios presentes, agasallouse cun queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa, cedido polo Consello Regulador e uns petiscos servidos polo establecemento colaborador da festa, Casa Chelo. Tod@s convidados a queixear!
Descarga o FOLLETO COA PROGRAMACIÓN DO #QUEIXO2018
Descarga do DOSSIER COMPLETO DO #QUEIXO2018
Leave A Comment