ARZUÁNS DO ANO 2021

ARZUÁNS DO ANO 2021

No acto da inauguración e pregón 2022 tivo lugar a entrega dos premios «Arzuán do ano 2021», a estas persoas e colectivos

Carla Carrón, nadadora campioa de España absoluta en 800 m libres

Carla Carrón, nadadora do Club Natación Arzúa, pechou o seu recente paso polo campionato de España absoluto de inverno con dúas medallas de ouro, en 400 e 800m libres, a pesares de estar en idade xunior. Becada no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, gañou nos 400m libres cun rexistro de 4:07.55, mellor marca galega de 16 anos. Nos 800m quedou tamén campioa absoluta, parando o crono nos 8:25.34. Foi tamén galardoada Mellor nadadora galega nos Premios Galicia Sport 2021.

 

Diego Quintela, xogador profesional de fútbol sala

Diego actúa como ala-pívot no Pescados Rubén Burela FS e foi convocado pola selección española de fútbol sala. Xa fora pregoeiro nunha edición anterior e este ano é premiado tanto polos seus éxitos deportivos, cunha gran traxectoria, pois xogou tamén no A. Lobelle, FC Barcelona e Palma Futsal, como pola súa recoñecida humildade e traballo constante. Foi nomeado Mellor xogador galego Fútbol Sala nos premios Premios Galicia Sport 2021.

 

Xosé Zapata, premio Goya á mellor curta de animación

O director, produtor e guionista estivera xa tres veces antes nomeado aos premios Goya, e foi agora cando o acadou con «The Monkey», a curtametraxe que codirixiu xunto con Lorenzo degl’Innocenti e na traballaron un cento de persoas. “The Monkey” e unha coprodución entre España e Portugal, elaborada durante case cinco anos e trata dunha fábula contra o racismo.

 

O persoal sanitario de Arzúa, pola súa capacidade de traballo e esforzo

O Concello decidiu outorgar tamén outro premio conxunto a este colectivo. Desexa manifestar o seu orgullo dos profesionais sanitarios, e quere así poñer en valor o seu esforzo fronte a COVID-19. Así con este recoñecemento, desexa agradecer publicamente o esforzo particular e colectivo, o sacrificio laboral e persoal, o seu compromiso nestes xa 24 meses de pandemia e de sempre, na atención  prestada aos veciños e veciñas de Arzúa.

 

A residencia San José, polo coidado aos nosos maiores

Igualmente, o Concello decidiu outorgar tamén este outro premio colectivo, polo seu esforzo e labor desenvolvida desde o primeiro momento, nunha situación sanitaria onde non se coñecía a súa repercusión, afectando maiormente a unha parte da poboación especialmente vulnerable.

 

Os nenos e nenas de Arzúa, exemplo de adaptación á pandemia

O Concello decidiu outorgar tamén o premio colectivo de “Arzuán do ano” aos nenos e nenas deste concello, xa que foron un exemplo de adaptación e comportamento neste tempo de pandemia tras case dous anos coa COVID-19. É por iso que un/unha representante de cada centro educativo da vila recollerá o premio nos actos de inauguración e pregón.

By | 2022-11-16T13:07:53+00:00 1 marzo 2022|Arzúans do ano, Inauguración e pregón, Novas|0 Comments

Leave A Comment