HOXE PRESENTOUSE NA CASA DE CORREOS O 48.º ANIVERSARIO DA FESTA DO QUEIXO

Home/Novas/HOXE PRESENTOUSE NA CASA DE CORREOS O 48.º ANIVERSARIO DA FESTA DO QUEIXO

HOXE PRESENTOUSE NA CASA DE CORREOS O 48.º ANIVERSARIO DA FESTA DO QUEIXO

Hoxe presentamos o programa completo do 48.º aniversario da Festa do queixo

Hoxe venres 24 tivo lugar na renovada Casa de Correos de Arzúa, na Rúa das Dores, a presentación para os medios do programa completo da 48.ª Festa do Queixo.

Interviron:

José Luís García, alcalde de Arzúa:

Deu a benvida e resaltou o feito de estar a chegar case aos 50 anos a que é unha das festas gastronómicas máis antigas de Galicia. “Foron meses de traballo, máis do que a xente pensa, que comeza nada máis rematara a pasada edición coa avaliación do ano pasado”.  Comentou o feito de que esta rolda de prensa é o primeiro acto público que se celebra no espazo da renovada Casa de Correos, se ben xa inaugurou o edificio oficialmente hai uns meses.

Destacou para comezar dous puntos  importantes: o concurso de carteis, “como oportunidade para novos talentos do deseño gráfico, por iso non encargamos o deseño a unha axencia de deseño profesional. Este ano chegaron 21 carteis de distintas partes de España, que quedarán expostos na capela da Madanela. Do mesmo xeito o Queixo maquetón foi nova incorporación da que estamos orgullosos, tamén orientada a servir de trampolín a grupos emerxentes do panorama musical, tanto galego como do resto do Estado. Este ano os gañadores son de Carballo e chámanse Apart”.

En canto ás queixerías presentes, esta edición tamén é un éxito xa que temos o recinto completo, non cabe alfinete. Haberá 53 queixerías e un total de 68 postos no Recinto feiral, enchendo o límite establecido polo Concello e a organización para esta 48.ª edición. “Teremos como invitados aos concellos Boimorto e Melide e estará Trujillo, quen leva vindo varios anos como invitado, dado o noso irmanamento con eles, pero este ano por fin estarán presentes cun stand con venta de queixos desta bela cidade estremeña”. O recinto está dividido en 3 zonas.

A zona ‘A’ acollerá unha selección de 9 postos de produtos artesanais e gourmet de alta calidade, como doces artesáns galegos, chocolates, marmelos, pastas, madalenas de mirabel, sidra natural, zumes e aceites ecolóxicos, crema de castañas, mel e licores, conservas de Cantabria, azafrán e pimentón de la Vera, etc.

A zona ‘B’ (corredor central) será para as 11 queixerías con DOP Arzúa-Ulloa, as anfitrioas, e tamén o lugar onde estarán o resto de queixos das outras tres denominacións de orixe galegas, do Estado e Internacionais, ao igual que o CRDOP Arzúa-Ulloa e o Concello de Trujillo.

A zona ‘C’ para 6 queixerías con certificado de Produtores Lácteos Tradicionais (PLT). todos os queixos, tanto industriais como artesanais, e o resto de produtos alimentarios contarán co obrigatorio rexistro sanitario. igualmente están presentes o concello de Boimorto, a Asociación Melide Terra Doce e o centro formativo EFA Piñeiral.

O seguinte paso é a elección do pregoeiro, do que sempre tentamos que teña relación co concello se pode ser, e neste caso eo. Tamar Novas está moi vinculado a Arzúa, pola aldea de seu pai e dos seus avós paternos, Figueiroa. Tamar leva con orgullo as súas raíces e mantén os vínculos con estes lugares, volvendo tanto en festas como o resto do ano para visitar á súa familia e desfrutar da súa terra. Por fin nesta ocasión puidemos facer coincidir as súas datas de rodaxes co pregón.

Nacido en Santiago o 3 de outubro de 1986, debutou como actor con tan só 11 anos en “A Lingua das bolboretas”, e con 18 gañou o Goya Revelación por “Mar adentro”. Ademais de Jose Luis Cuerda e Alejandro Amenábar, traballou entre outros directores e directoras, ás ordes de Pedro Almodóvar, Isabel Coixet, Milos Forman, Daniel Calparsoro ou Gerardo Herrero.

Outro apartado que tamén incorporamos con éxito foi o dos “arzuáns do ano”. Certamente lonxe de atopar problemas para atopar candidatos, co paso dos anos medran os arzuáns que destacan en ámbitos moi diversos. Este ano son tres

Granxa Ecolóxica Figueiroa, premio Exceleite

Con 60 vacas e 30 novillas e ofrece produtos de produción agroecolóxica. En 2017 xuntáronse dúas granxas na parroquia de Figueiroa, na aldea de Vilar, de Luís, e outra no Curro, de Jesús. Teñen a granxa ecolóxica en muxido con 60 cabezas, en total 98 xunto coas novillas. A Granxa Ecolóxica Figueiroa ofrece tamén prácticas ao alumnado do ciclo de FP Dual de Produción Agroecolóxica. Son 57 hectáreas das que 12 se dedica a millo forraxeiro, 20 a silo e o resto a pastoreo. Levan 4 anos consecutivos gañando o premio de prata Exceleite.

O segundo galardoado é Jesús Mosquera,

Investigador natural de Viladavil, doutorouse na USC co “Premio Extraordinario de Tese Doutoral”. Realizou tres estancias postdoutorais en centros de alto prestixio internacional: Universidade de Cambridge, CIC biomaGUNE en San Sebastián e na Universidade Tecnolóxica de Eindhoven. En 2021, comezou a súa carreira investigadora independente na universidade de Strathclyde en Glasgow. Actualmente é investigador Ramón y Cajal na UDC onde colidera o grupo NanoSelf, que centra a súa investigación na fronteira entre a química, a nanotecnoloxía e a bioloxía.

A terceira é Tania Taboada que estudou tamén no colexio Nuestra Señora del Rosario

Nacida en Viñós, traballou en TVE en Galicia, Telelugo, TVG, La Voz de Galicia e gabinetes de comunicación. Hoxe é xornalista do programa Espejo Público de Antena 3, e ven de levar o galardón nos Premios Xornalísticos “Guardia Civil 2022”, na modalidade audiovisual, pola cobertura informativa do dispositivo de seguridade da Garda Civil durante a celebración do cume da OTAN en Madrid.

O alcalde destacou de todos eles e dos anteriores arzuáns, “Xente distinguida que partiu de Arzúa e que estaa facer cousas realmente interesantes”.

O alcalde insistiu tamén en que unha das cousas boas que temos de conservar da pandemia e a seguridade. Por iso tanto no Festival como no recinto feiral haberá control de acceso e límite de aforo. No Festival tamén haberá control de bebidas e animais que podan supoñer un perigo.

Tamén haberá o dispositivo sanitario habitual e un punto violeta, tanto para as posibles vítimas ou para consultas relacionadas. Tamén se farán contactos con institucións para estudar posibles intercambios de actividades para informar e formar a distintos colectivos en protección contra a violencia de xénero.

En canto a programación buscamos grupos que coincidan coa tradición da festa e que encaixen en orzamento. Por outro lado a programación cultural busca a identificación e crear interese pola festa nos máis pequenos, a través da colaboración cos centros educativos.

Xosé Luís Carrera, presidente do CRDOP Arzúa-Ulloa

Agradeceu ao Concello, a colaboración que segue a ser estreita, “Retomamos as catas comentadas para insistir na divulgación” salientou a colaboración coa EFA Piñeiral, cos que farán unha actividade a semana próxima, así como  o concurso de petiscos, con 18 establecementos inscritos.  En canto aos datos da DOP, este ano superouse novamente o récord de produción con 4.240.000 unidades etiquetados e máis de 4M de quilos de queixo producidos. Isto supón un crecemento do 5% respecto ao pasado ano, e mantén á D.O. como 1ª. de Galicia, dobrando a segunda, 1ªde leite de vaca e segunda a nivel xeral no Estado. Comentou que este ano acudirán á Festa 11 das 18 queixerías da D.O.P e destacou a importancia estratéxica polo que significa no só na produción, senón como explotacións na zona dun interior para o que o queixo é un valor estratéxico e puxante.

O presidente sorprendeu aos medios compartindo unha primicia que non foi outra que o anuncio de que deixará a presidencia despois de 24 anos ao fronte do CRDOP.  Agradeceu moito a acollida do Concello de Arzúa e a constante colaboración cos coa actual e anteriores corporacións. Lembrou que se ben hoxe en día é máis doado, ao principio costou que todas as produtoras estivesen presentes xa que algunhas costoulles certificar todo o produto que presentaban na festa. O feito de telo conseguido é bo para todos.

Rematou a que será a súa última rolda de prensa de inauguración duhna Festa do Queixo desexando o maior dos éxitos á 48 edición, agradecendo á prensa a súa presenza e animando a organización a seguir polo camiño emprendido.

 

Alberto Alfonso, director Festival do queixo

O Director do Festival comentou a programación xa anunciada, comezando polos carballeses ’Apart’, gañadores do concurso ‘Queixo Maquetón’. O grupo levará como premio 1.300 € e actuará no Festival do Queixo  o sábado 4 de marzo dentro da 48ª edición da Festa do Queixo.O quinteto de Carballo convértese no gañador da 14.ª edición do concurso para grupos noveis, relevando no posto aos santiagueses Señor Salvaje. Defínense como unha banda de rock influenciada polos sons máis 70´s e incorporan sutís detalles de soul e disco nas súas cancións. Cunha visión actual, modernizan un estilo baseado en riffs de guitarra e melodías vocais, facendo vibrar ao público desde os primeiros minutos.

Tamén anunciou para o sábado o concerto de Muchachito Bombo Infierno.  A banda madrileña que fora Premio da Música ao mellor álbum de rock alternativo, pechou un 2022 memorable, no que ademais de publicar ‘Trece’, o seu último álbum, alcanzou o número 1 na súa semana de lanzamento. Tamén comezaron a súa xira de presentación máis ambiciosa e foron elixidos para compoñer e interpretar a canción orixinal da última película de Paco Caballero: ‘Reyes contra Santa’. ​En 2023 continúan coa xira de presentación esgotando entradas alá onde van, e seguramente encherán tamén o campo da Feira o próximo sábado ás 22:30 h.

Outra das formacións que ten novidades é a das pandereiteiras Leilía, que actuarán o domingo ás 18:00 h tras máis de 30 anos de exitosa carreira. A súa proposta, inspirada nos cantos de transmisión oral, pensada para bailar e gozar da música galega desde un prisma moderno e contemporáneo seleccionada para representar a Galicia no Celtic Connection e unha das propostas gañadoras do premio Interritmos 2020. Mergúllanos no universo Folk, ou TRADI como prefiren denominalo, cuns impecables arranxos do saber musical popular. Unha nova proposta que vén do Folk para converterse en TRADI.

A rondalla Moraima formación arzuá animará a sesión vermú do domingo no campo da feira a partires das 12:30 h.

Avanzou tamén a sorte que supón contar con We are not DJ´s, este dúo destila unha paixón incontestable, emoción coidada, desapiadada, vándala e elegante, entre o desenfreo e a contención nun vaivén sutil. Un cóctel que mestura sen complexos nin compracencias a electrónica e o pop e o rock e indie. Non se repiten. Non hai trampa. Só paixón. Son contundentes desde o minuto un, saen a romper e saben poñer á xente para botar.

E qué dicir das Tanxugueiras. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son tres cantareiras dunha nova época capaces de reinterpretar os sons da tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a  súa contundencia e o seu virtuosismo  vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como “trad”. Elas completarán a tarde do domingo coa súa actuación ás 19:30 h.

 Finalmente, fixo un anuncio importante e agardado, pois anunciou que ás 22:30 h do sábado está confirmada a actuación de Sidecars, para os que Arzúa será o primeiro Festival en Galicia co seu novo disco. A banda madrileña que fora Premio da Música ao mellor álbum de rock alternativo, pechou un 2022 memorable, no que ademais de publicar ‘Trece’, o seu último álbum, alcanzaban o número 1 na súa semana de lanzamento. Tamén comezaron a súa xira de presentación máis ambiciosa e foron elixidos para compoñer e interpretar a canción orixinal da última película de Paco Caballero: ‘Reyes contra Santa’. ​En 2023 continúan coa xira de presentación esgotando entradas alá onde van. Lembrou que o acceso ao recinto será gratuíto ate completar aforo, e que contarase cun punto lila no recinto.

 

Aurora Varela, concelleira de Cultura Concello de Arzúa

 

A concelleira comezou a súa intervención facendo un pequeno alegato á motivación do traballo do seu departamento. “A motivación provén de traballar en algo que importa”. A Concellería conta cunha programación anual na que hai gran aportación e participación de xente particular. A actividade é diversa (exposicións, concertos e demais eventos culturais dirixidos ao maior numero de xente posible), e a resposta recibida déixaa moi satisfeita. Nese senso afirmou que a Festa do Queixo é “a raíña” da programación.

“Nos cremos que non á cuestión de nacer grande, senón que hai que traballar desde pequeno para empezar a ser grande”. Comentou que este é un traballo de meses con numerosos obstáculos pero que atópanse tamén moitas “aportacións individuais e de conxunto”. Todas as aportacións contribuén a que o conxunto sexa bo. Engadiu que como xa dixo Epicuro, “cando un supera obstáculos e dificultades desfruta mais do resultado”. “Procuramos ser bos para que non nos ignoren”.

En canto á programación, aparte do xa reseñado, destacou a liña do departamento de aportación interesante. Unha actividade como contar cos centros escolares cos nenos e cas nenas. A EFA Piñeiral realizará obradoiros cos nenos e nenas nos que mesturará sensibilidade e medioambiente nun traballo de manualidades feitas con refugallos, fomentando a  conciencia ecolóxica dos nenos. O 1 marzo haberá unha charla sobre a comercialización e valoración dos consellos reguladores.

O 2 de marzo ás 11 h a proxección da longametraxe “Os Demos de Barro”, producida por Xosé Zapata, gañador nos premios Goya o pasado ano, unha historio entre a natureza e as súas raíces.

Avanzou tamén que o 4 haberá animación de rúa con charangas e gaiteiros, mais un obradoiro pans de queixo impartido polo EFA Piñeiral dirixido a nenos de 7 anos en adiante e cun máximo de 15 prazas, totalmente de balde.

Tamén volverá a se celebrar o Torneo xadrez e a  Exposición carteis, e o festival Pequequeixo, con Brais das Hortas o sábado 4 e o Martiña soñadora o domingo 5. O domingo Faíscas da Pontraga e Trópico de grelos animarán as rúas.

Recalcou que tendo tan próximo o 8M contamos con grupos unicamente femininos insistindo en valores de  igualdade e talento, por iso estas tres actuacións están orientadas ao 8 de Marzo. Rematou agradecendo a asistencia e participación e animou aos presentes a “queixear e desfrutar do nos produto estrela”.

O alcalde, rematou dando as grazas ao presidente do Consello Regulador polo seu traballo

24 anos colaborando con algunha discusión que sempre se enfocou no beneficio da festa e do produto. “A Festa nunca se rematará de mellorar, avanza ás veces con dificultades e atrancos, pero avanza”. Tamén destacou que esta foi unha edición complicada pois ata hoxe (polo venres) non puideron dar a última actuación, pois os atrancos administrativos son cada vez maiores. É unha queixa xeneralizada entre os concellos pero por desgraza iso non se traslada nunha reforma para intentar non bloquear o traballo dos concellos. Segundo comentou, “E moi difícil trasladar a xente este esforzo, pois cos tempos dos procedementos as veces é imposible facer as cousas nos prazos desexados por todos”.

Finalmente agradeceu aos asistentes e medios a súa asistencia e convidounos a achegarse á Festa do Queixo 2023.

 FOTOS DO ACTO EN:

https://www.myairbridge.com/es/#!/transfer/MQziVYaZgCG

PROGRAMA COMPLETO

 

Descarga o DOSSIER DE PRENSA COMPLETO

By | 2023-02-24T20:48:12+00:00 24 febrero 2023|Novas|0 Comments

Leave A Comment