A FESTA DO QUEIXO PRESÉNTASE NA PRAZA DE ABASTOS DE SANTIAGO

Home/Novas/A FESTA DO QUEIXO PRESÉNTASE NA PRAZA DE ABASTOS DE SANTIAGO

A FESTA DO QUEIXO PRESÉNTASE NA PRAZA DE ABASTOS DE SANTIAGO

A Festa do Queixo de Arzúa foi presentada este 5 de febreiro na Praza de Abastos de Santiago de Compostela, nun acto encabezado polo alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, a Concelleira de Festas, Pilar Lueiro, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, e que puxo en valor a relevancia deste evento como referente da gastronomía galega e da identidade do territorio e a importancia para o dinamismo cultural.

A Praza de Abastos, espazo emblemático do produto de proximidade e da cultura alimentaria galega, serviu como escenario para dar a coñecer unha nova edición dunha festa que transcende o ámbito local e se consolida como unha cita imprescindible no calendario cultural de Galicia.

Durante a presentación, a alcaldesa de Santiago destacou a importancia de acoller en Compostela iniciativas ligadas ao rural e á produción de calidade e o produto de proximidade. «A Festa do Queixo de Arzúa representa o mellor da nosa tradición gastronómica e do saber facer das produtoras e produtores galegos. É un orgullo que Santiago acolla esta presentación” sinalou Goretti Sanmartín. E animou a toda a veciñanza a participar desta festa que tanto une á veciñanza compostelá coa arzuá.

Pola súa banda, o alcalde de Arzúa subliñou o carácter estratéxico da festa para o municipio e para toda a comarca. «A Festa do Queixo é moito máis ca unha celebración: é unha ferramenta de promoción económica, cultural e social que medra cada ano grazas ao traballo colectivo e ao apoio institucional. Presentala en Santiago permítenos proxectar Arzúa aínda máis lonxe», afirmou Xoán Xesús Carril.

O rexedor arzuán engadiu que a festa mantén un firme compromiso coa calidade, coa tradición queixeira e coa innovación, atraendo público diverso e contribuíndo á dinamización do territorio.

A Festa do Queixo de Arzúa celebrarase o 27, 28 de febreiro e o 1 de marzo no municipio arzuá, cun programa que combinará degustacións, actividades divulgativas e propostas culturais para todos os públicos.

Fotografías (de esquerda a dereita):

  • Foto portada: Daniel Moscoso (Concelleiro de Xuventude de Arzúa), Goretti Sanmartín (Alcaldesa de Santiago), Xoán Xesús Carril (Alcalde de Arzúa) e Pilar Lueiro (Concelleira de Festas de Santiago)
  • Foto postos: Pilar Lueiro (Concelleira de Festas de Santiago), Posto da Praza de Abastos, Goretti Sanmartín (Alcaldesa de Santiago), Xoán Xesús Carril (Alcalde de Arzúa) e Daniel Moscoso (Concelleiro de Xuventude de Arzúa)
  • Foto exterior: Goretti Sanmartín (Alcaldesa de Santiago), Xoán Xesús Carril (Alcalde de Arzúa) e Pilar Lueiro (Concelleira de Festas de Santiago)
By | 2026-02-09T13:36:13+00:00 9 Febreiro 2026|Novas|0 Comments

Leave A Comment