A FESTA DO QUEIXO DE ARZÚA UNIRASE Á RUTA EUROPEA DO QUEIXO

Home/Novas/A FESTA DO QUEIXO DE ARZÚA UNIRASE Á RUTA EUROPEA DO QUEIXO

A FESTA DO QUEIXO DE ARZÚA UNIRASE Á RUTA EUROPEA DO QUEIXO

“O Concello de Arzúa finalizará este mes os trámites iniciados no mes de novembro para incorporarse á Ruta Europea do Queixo e reforza a proxección internacional da Festa do Queixo”

“A alianza do Concello de Arzúa e a Ruta Europea do Queixo reforzará a proxección internacional da Festa do Queixo e impulsa o sector queixeiro e turístico da comarca”

O Concello de Arzúa dá un paso máis na posta en valor do seu patrimonio gastronómico ao asociarse formalmente á Ruta Europea do Queixo. Esta adhesión suporá un recoñecemento á importancia da localidade no sector queixeiro, e un impulso para a proxección internacional da Festa do Queixo, que celebrará a súa 50. edición os días 14, 15 e 16 de marzo de 2025 e se converterá no primeiro evento queixeiro en Galiza dun concello asociado.

A Ruta Europea do Queixo, creada en 2014, agrupa municipios de diferentes rexións europeas co obxectivo de promover o desenvolvemento local a través da cultura e da tradición queixeira. Actualmente, está conformada por 19 municipios queixeiros de 9 rexións europeas. A incorporación de Arzúa a esta rede abre novas oportunidades de cooperación e intercambio con outras zonas produtoras, fortalecendo a identidade do queixo de Arzúa-Ulloa e situando o municipio nun contexto gastronómico de prestixio.

A asociación comprométese a fomentar a protección e promoción dos queixos tradicionais europeos, apoiando aos pequenas produtoras e produtores e garantindo a sustentabilidade da produción queixeira. Ademais, promove iniciativas que impulsan o turismo gastronómico e a investigación sobre as técnicas de elaboración, asegurando a preservación deste legado cultural para futuras xeracións.

O alcalde de Arzúa, Xesús Carril, manifestou a súa satisfacción por este logro: «Formar parte da Ruta Europea do Queixo é un paso estratéxico para potenciar o noso produto estrela e poñer a nosa festa no mapa europeo. Queremos que Arzúa sexa un referente dentro e fóra de Galiza, e esta adhesión axúdanos a avanzar nese camiño».

A Festa do Queixo 2025, que celebrará o seu medio século de historia, incluirá actividades especiais e contará coa presenza de representantes doutros municipios queixeiros europeos, fortalecendo os lazos creados a través desta nova colaboración. A incorporación á Ruta Europea do Queixo dá un valor engadido a esta conmemoración, situando a Arzúa no mapa europeo das rutas queixeiras. Poderase coñecer máis de preto a asociación e todo o seu traballo os días 15 e 16 de marzo no seu posto de información na festa, presente no recinto feiral “Terra do Queixo”.

Foto (de esquerda a dereita)

  • Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa
  • Javier Sánchez, secretario Técnico da Asociación Ruta Europea do Queixo AREQ
  • Daniel Moscoso, concelleiro de Xuventude de Arzúa
  • Ramón Roldán, coordinador da Festa do Queixo
By | 2025-02-20T13:41:04+00:00 20 febrero 2025|Novas|0 Comments

Leave A Comment