O Concello de Arzúa continúa a traballar para acadar máis apoios institucionais de cara á celebración da 50.ª edición da Festa do Queixo, prevista para o ano 2025. A axenda de contactos comezou hai uns meses coa visita á Deputación da Coruña e á Consellería de Cultura, e hoxe avanzou cun novo encontro coa Consellería do Medio Rural.
O alcalde Xoán Xesús Carril mantivo un encontro coa conselleira de Medio Rural, Mª José Gómez, e co director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte, no que trasladou o modelo de festa que se quere impulsar, co foco na DOP Arzúa-Ulloa como eixo vertebrador dunha celebración que combina tradición e innovación.
O alcalde, Xoán Xesús Carril, subliñou a relevancia desta edición especial coas seguintes palabras:
«A Festa do Queixo é un símbolo de identidade para Arzúa e para Galiza. Moi poucas festas de Galiza poden presumir de medio século de exaltación dun produto. Esta 50.ª edición será unha oportunidade única para consolidar a nosa feira como un referente no ámbito cultural e gastronómico, potenciando o queixo como o referente da excelencia produtiva da nosa terra. A 50.ª edición da Festa do Queixo será un recoñecemento ao traballo e á excelencia dos nosos sectores produtivos e unha homenaxe a Arzúa como epicentro do sector agroalimentario galego.»
Leave A Comment