O Concello de Arzúa apoiou a idea presentada por Bico de Xeado para dar forma a unha creación única que pon en valor o produto estrela da comarca. O resultado deste esforzo é o Xeado de Queixo de Arzúa-Ulloa DOP con marmelo, unha delicia que combina tradición e innovación e que se presentou oficialmente xunto á hostalería local. Esta é a primeira vez que Bico de Xeado fai unha adaptación deste tipo para unha colaboración especial.
Na imaxe, no acto institucional no salón de plenos do concello de Arzúa, de esquerda a dereita
- José Luis Cabarcos Corral: director de Bico de Xeado e da Cooperativa agraria provincial de A Coruña
- Ana María Vázquez Fernández: responsable de Marca de Bico de Xeado
- José María Calo Faraldo: presidente de Bico de Xeado e da Cooperativa agraria provincial de A Coruña
- Xesús Carril: alcalde de Arzúa
- Dani Moscoso: concelleiro de Xuventude
- Ramón Roldán: coordinador da Festa do queixo
Este novo sabor poderá ser degustado por primeira vez nunha cata aberta ao público que terá lugar o 11 marzo ás 18:00 h na Casa de Correos. Ademais, os establecementos hostaleiros de Arzúa terán a posibilidade de ofrecer este xeado nos seus locais, sumándose así á celebración da Festa do Queixo cun produto exclusivo.
Na imaxe, no acto de presentación á hostalaría na capela da Madanela, de esquerda a dereita
- Begoña Balado: Concelleira de Turismo
- Dani Moscoso: Concelleiro de Xuventude
- José Luis Cabarcos Corral: Director da Cooperativa (Cooperativa agraria provincial de A Coruña)
- José María Calo Faraldo: Presidente da Cooperativa (Cooperativa agraria provincial de A Coruña)
Por outra banda, durante os días da Festa do Queixo, que se celebrará en Arzúa, o público poderá degustar este xeado na foodtruck “Biconeta” situada no recinto festivo.
A Festa do Queixo, un dos eventos máis importantes do calendario gastronómico galego, volve apostar pola calidade e a innovación mantendo sempre a esencia da tradición. Con esta nova proposta, os asistentes poderán descubrir unha maneira diferente de gozar do queixo de Arzúa-Ulloa DOP, fusionado coa cremosidade e frescura dun xeado artesanal.
Dende o Concello de Arzúa destacan a importancia desta colaboración como exemplo de posta en valor dos produtos locais, promovendo sinerxías entre o sector público e privado para ofrecer novas experiencias gastronómicas aos asistentes á festa.
Leave A Comment