
Bico de Xeado incorpórase como novo patrocinador da Festa do Queixo cun acordo por dous anos
A Festa do Queixo vén de formalizar un acordo de patrocinio con Bico de Xeado, que se incorpora como novo patrocinador do evento para as dúas próximas edicións.
O acordo, cunha duración de dous anos, supón unha colaboración estratéxica que inclúe unha achega económica e a cesión de produto, reforzando así o compromiso da marca co territorio e coa promoción dun modelo de produción local e sostible.
Ademais do seu apoio á Festa do Queixo, Bico de Xeado desenvolverá ao longo do curso escolar distintas actividades dirixidas aos centros educativos de Arzúa. Estas accións teñen como obxectivo achegar aos máis pequenos o proceso de elaboración do xeado artesanal 100% galego, elaborado con leite procedente das súas propias granxas, fomentando o coñecemento da orixe dos alimentos e o valor do sector primario.
O alcalde de Arzúa, Carril, destacou a importancia deste acordo sinalando que “é unha excelente noticia que empresas que nacen do noso territorio e que apostan pola produción propia e pola calidade queiran formar parte da Festa do Queixo. Este patrocinio reforza o vínculo entre a festa, o noso tecido produtivo e as novas xeracións, que son o futuro do rural galego”.
Así mesmo, subliñou que “a colaboración por dous anos dálle estabilidade ao proxecto e permítenos seguir medrando con aliados que comparten os nosos valores de identidade, compromiso e orgullo polo produto galego”.
Desde a organización destacamos a importancia de sumar ao proxecto empresas que comparten os valores de calidade, identidade e compromiso co rural, fortalecendo así o vínculo entre produto, territorio e comunidade.
A Festa do Queixo continúa consolidándose como un espazo de encontro arredor da excelencia agroalimentaria galega, sumando apoios que garanten o seu crecemento e proxección futura.





Leave A Comment