O prazo de inscrición para as queixerías e resto de produtos interesados en participar na próxima edición da Festa do Queixo 2025 estará aberto entre o 30 de decembro de 2024 ata o 15 de xaneiro de 2025, a través da sede electrónica do Concello en sede.concellodearzua.com. Este ano, a organización aposta por un evento máis ambicioso, coa ampliación do número de stands no Recinto Feiral «Terra do Queixo» e unha gran novidade: habilitarase o primeiro andar do recinto, que estará dedicado aos produtos que non son queixo (mel, conservas, chocolate, doces…), ampliando notablemente o espazo de exposición e ofrecendo unha experiencia máis completa para os visitantes.
As queixerías e outros produtos interesados en formar parte desta celebración gastronómica poderán ver as condicións en festadoqueixo.org ou contactar co correo electrónico info@festadoqueixo.org, onde se lles facilitará toda a información necesaria para o proceso de inscrición e os detalles de participación.
A Festa do Queixo é unha cita ineludible para os amantes deste produto e para os produtores que buscan dar a coñecer os seus queixos artesanais nun ambiente festivo e cheo de tradición. A ampliación dos stands e o uso do primeiro andar prometen converter a edición 2025 nun evento aínda máis destacado dentro do calendario cultural e gastronómico da rexión. Non perdas a oportunidade de formar parte desta gran festa!
Baixo estas liñas, o plano coa distribución prevista de stands na planta baixa do recinto feiral en 2025.
Leave A Comment