Ábrese o prazo de inscrición para expositores no interior do recinto feiral durante a Festa do Queixo 2026
Arzúa, 10 de decembro de 2025 – Despois dunha 50ª Festa do Queixo inesquecible, que pasará á historia como a máis multitudinaria e exitosa ata o momento, o Concello de Arzúa abre hoxe o prazo de inscrición para os expositores interesados en participar no recinto feiral “Terra do Queixo” na próxima edición do 2026.
Durante a edición celebrada o pasado marzo, máis de 50.000 persoas visitaron Arzúa, consolidando o evento como unha das citas gastronómicas e culturais máis importantes de Galiza. A acollida foi tan extraordinaria que moitos postos de queixo e do novo espazo gourmet esgotaron existencias xa o sábado, e a zona de artesanía viviu tamén un éxito sen precedentes.
O alcalde de Arzúa, Xesús Carril, destacou que este novo proceso de inscrición “é o primeiro paso para seguir facendo historia”:
“O que vivimos na 50ª Festa do Queixo foi extraordinario. A resposta do público, o éxito das queixerías, da artesanía e da música deixaron claro que a festa está máis viva ca nunca. Agora abrimos un novo capítulo coa edición 2026, coa mesma ilusión e co obxectivo de seguir medrando e ofrecendo un evento de referencia en Galiza.”
O prazo que se abre hoxe está destinado aos expositores que desexen reservar espazo dentro do recinto feiral. Nas próximas semanas anunciarase a apertura de inscrición para os postos exteriores, que completan cada ano a ampla oferta comercial, gastronómica e artesanal da festa.
A organización lembra que a pasada edición contou con máis de 80 queixerías e 125 solicitudes, un récord absoluto que motivou a ampliación do espazo expositivo. A previsión para 2026 é manter ese nivel de participación e continuar reforzando o carácter aberto e colaborativo do evento.
A Festa do Queixo 2026 celebrarase o 27 e 28 de marzo e 1 de febreiro, e nas próximas semanas o Concello anunciará novas actividades, a programación musical e outras novidades que acompañarán a esta nova edición. O prazo para os expositores no exterior abrirase a partires do 15 de xaneiro de 2026.






Leave A Comment