Arzúa lanza o concurso de grupos noveis “Queixo Maquetón”. O grupo gañador abrirá a Festa do Queixo 2023.
Hoxe venres 18 de novembro o Concello de Arzúa anunciou as bases do 14.º concurso de maquetas para grupos noveis “Queixo Maquetón” no que se elixirá ao grupo ou solista que abrirá musicalmente a 48.ª Festa do Queixo, a primeira fin de semana de marzo de 2023. O concurso, ao que xa se presentaron desde os seus inicios máis de 1.000 bandas de toda España, lévase celebrando desde 2009 dentro do Festival do Queixo.
Segundo rezan as bases, poderán tomar parte todos aqueles grupos ou solistas que non teñan ningún álbum publicado, coa excepción dos autoeditados ou que non teñan firmado ningún contrato discográfico. Os grupos e solistas que desexen presentarse teñen de prazo presentar as propostas ata o 15 de xaneiro.
Todos os grupos ou solistas que desexen participar no concurso Queixo Maquetón 2023, deberán enviar un email a proxectoqueixomaqueton@gmail.com, onde farán chegar o os temas que presenten a concurso, entre outros requirimentos. Admítense traballos encadrados estilisticamente dentro do pop rock e novas tendencias: Rock, Pop, Post Rock, Tecno Pop, Power Pop, Art Rock, Indie, Indie Pop, Electrónica, Electro Pop, Electroclash…
O gañador será elixido por un xurado, que estará formado por profesionais relacionados coa música e os membros da organización. O 20 de xaneiro, a dirección do concurso publicará o nome do grupo gañador que levará un premio de 1.300 euros e será contratado para actuar en Arzúa o sábado 4 de marzo de 2023.
Leave A Comment