No acto da inauguración e pregón terá lugar a entrega dos premios «Arzuán do ano 2019», este ano nada menos que oito, a:
Lidia Veiga, actriz
Lidia Veiga é unha actriz galega nada en Arzúa no 1997. En 2015 decide iniciarse no mundo da Interpretación cursando na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Durante estes catro anos de carreira compatibiliza os estudos cos seus primeiros traballos actorais no mundo do teatro e do audiovisual. Actualmente tamén traballa de profesora de teatro en Arzúa, na Asociación O’Bringuelo Cultura Tradicional, coa vontade de que xermole o gusto polo teatro entre os máis cativos
Fran Cañotas, xornalista
Fran Cañotas é un xornalista, actor e presentador arzuán. Os seus primeiros pasos actorais deunos no grupo de teatro da Asociación Cultural Ánxel Casal, con tan só cinco anos. Estudou Xornalismo na Universidade do País Vasco e na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou colaborando en Radio Arzúa para pasar despois aos Deportes da Radio Galega como narrador de partidos. Da radio salta á Televisión de Galicia para presentar ‘A Liga das Cidades’ e colaborar no ‘En Xogo’. No verán de 2019 comeza un novo programa nas tardes da Galega. Actualmente está inmerso na gravación dun novo proxecto chamado ‘Come a Comarca’, un reality-gastronómico que se emitirá este marzo na TVG.
Radio Arzúa: 25º aniversario
A Radio Pública de Arzúa fixo a súa primeira emisión o 16 de setembro de 1995. Era alcalde Manuel Moscoso López. Dende entón, esta emisora, levou a cabo unha emisión ininterrrompida cunha ampla e variada programación dando sempre predilección aos contidos máis próximos e locais. Contou cunha plantilla de máis de medio cento de colaboradores exercendo de maneira desinteresada. No transcurso destes 25 foi galardoada por EMUGA (Asociación de Emisoras Municipais Galegas) co premio á mellor reportaxe cun programa titulado “Arzúa Terra do Queixo Pórtico de Compostela”. Tamén foi XX Premio de Xornalismo e Comunicación Galo de Curral Vila de Cruces o pasado ano 2019.
Rondalla Moraima: 20º aniversario
A agrupación musical arzuá RONDALLA MORAIMA comezou a súa andaina fai 20 anos por iniciativa do seu actual Presidente Antonio Raposo, que animou a un grupo de persoas a iniciar esta aventura que os trasladou ata aquí. O grupo está formado por 11 membros que empregan instrumentos como guitarras, bandurrias, laudes, chelo, pandeiro, frauta, acompañados de voces mixtas.
Contan cun amplo repertorio musical, moi variado, que pasa por música clásica, galega, relixiosa, habaneras, boleros, tangos, entre outras; sendo un dos compoñentes do grupo, Luís Vidal, o responsable dos arranxos e da harmonización de todo o seu repertorio. Son moitos os concertos realizados por toda a xeografía galega, incluso cruzaron fronteiras actuando en Niedereschach – Alemaña, e en Arzúa realizan, como mínimo, un concerto anual. En 2019 gravaron e presentaron en Arzúa o seu primeiro disco, “Aloumiñando”.
Aula de adultos: 20º aniversario
A Aula de Educación de Persoas Adultas do Concello de Arzúa, naceu hai 20 anos coa finalidade de ofrecer a todas as persoas adultas a posibilidade de adquirir, actualizar, completar ou ampliar os seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional, a través de ensinanzas formais e non formais, impartidas en réxime presencial e a distancia.
Damián García, astrofísico
«Damián García Casto. Astrofísico Arzuán que completou os seus estudos preuniversitarios na vila. Graduado en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e Mestrado en Física Teórica pola Universidade Complutense de Madrid. Retornou á Universidade de Santiago para realizar os seus estudos de doutoramento sobre os Raios Cósmicos e os efectos e influencia no clima espacial e terrestre, no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías. Ditos estudos levárono a realizar unha estadía de 2 meses no continente Antártico para a montaxe dun novo detector de Raios Cósmicos. Actualmente, atópase na fase final da realización da súa tese doutoral.»
Queixería Barral, premio WCA 2019
Levan 30 anos traballando para manter vivo o sabor do queixo Arzúa Ulloa e Tetilla D.O.P. e poñer en valor o esforzo de toda esta traxectoria de mestres queixeiros, así como na creación de novos produtos que se adapten a las necesidades de consumo actuais. Premio World Cheesee Awards 2019 bronce en Arzúa-Ulloa e Tetilla, 2018 bronce en Tetilla, 2017 ouro en Tetilla e prata en Arzúa-Ulloa, 2 estrelas de ouro en ITQI.
Queixería Galmesano, premio WCA 2019
Fan queixo de pasta dura cocida elaborado seguindo a técnica dos queixos tradicionais de pasta prensada cocida e de laonga maduración. Desde a xerencia, comentan que, para todo o equipo, e para min en particular, é un orgullo recibir esta distinción. É precisamente nesta terra, en Arzúa, onde atopamos os mellores mimbres para o noso proxecto, terra tradicionalmente queixeira que nos ofrece as mellores condicións para eso, para facer un queixo especial. Arzúa é unha parte de nós e bandeira do noso queixo Galmesano. Premios World Cheesee Awards 1 prata e 2 bronces en 2019. Primeiro premio nacional en Gourmet Queso 2019.
Parabéns a todos!!!
Leave A Comment