Arzúa, 21 de novembro – O Concello de Arzúa anuncia oficialmente as datas da 51ª
edición da Festa do Queixo, que terá lugar os días 27 e 28 de febreiro e 1 de
marzo.

Considerada unha das celebracións gastronómicas máis emblemáticas e
antigas de Galiza, a festa reafirma o seu papel como referente cultural e turístico da
comunidade.
Desde o ano pasado, a Festa do Queixo forma parte da Ruta Europea do Queixo,
un recoñecemento que sitúa Arzúa no mapa internacional das grandes tradicións
queixeiras.
Aínda que a temática desta edición aínda non foi desvelada, a organización adianta
que estará vinculada á historia de Galiza, o que permitirá conectar o patrimonio
cultural galego coa tradición queixeira da comarca.
Durante os tres días de celebración, Arzúa encherase do sabor do seu queixo con
Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, así como das outras
denominacións de orixe galegas, dos produtores artesanais certificados e
dunha ampla mostra de queixos procedentes de todo o Estado e tamén
internacionais. Un encontro diverso e de calidade que converte a festa nun
escaparate único para profesionais, amantes do queixo e público xeral.
Nas próximas semanas, ao longo do mes de decembro, abrirase tamén o prazo de
inscrición de expositores, un dos momentos máis agardados tanto polas
queixerías como polo sector gastronómico.
O Concello de Arzúa lembra que, a medida que se achegue a data, iranse
anunciando novidades sobre a temática, o programa musical e as actividades
complementarias a través das canles oficiais da festa.





Leave A Comment