Contacto: María Xosé Crisóstomo. Tlfn. 620 882 298 // Correo: prensa@festadoqueixo.org
Ir á páxina de inicio da web da Festa do Queixo
A Festa do Queixo de Arzúa presenta o programa musical para a 35 Edición. Os franceses «rinôçérôse» e os murcianos Second actuarán o sábado 6. O Festival Folk terá lugar o domingo 7 coas actuacións de Mutenrohi e Anxo Lorenzo. Ademais, tras o éxito do ano pasado, celebrarase a segunda edición do concurso Queixo Maquetón na que actuarán os finalistas e o gañador deste ano.
A Festa do Queixo de Arzúa cumpre 35 anos. Durante os próximos 5, 6 e 7 de marzo, o queixo Arzúa-Ulloa será o protagonista desta cita gastronómica que comezou en 1975. O evento, adopta un valor engadido desde a perspectiva cultural, económica, formativa e de lecer e, ademais do programa musical, irá acompañado dunha intensa programación de actividades artísticas e culturais que se presentará integramente en rolda de prensa nos próximos días.
Descargar fotos dos artistas en alta resolución
Final do Concurso Queixo Maquetón
Praza da Vila, 16:00 h
Actuación dos tres grupos finalistas da segunda edición do concurso “Queixo Maquetón”. Radio Arzúa recibiu máis de 30 traballos nesta segunda edición do concurso de maquetas. Logo do notable éxito acadado o ano pasado, o seu obxectivo é descubrir novas estrelas e propostas do futuro, bandas novas a procura dunha oportunidade para amosar a súa música. Os tres finalistas actuarán na tarde do sábado.
Second
Campo da Feira, 21.30 h
A banda murciana cumpre 12 anos. Foi no ano 1997 cando José Ángel Frutos (vocalista) e Jorge Guirao (guitarra), deciden formar un grupo de Rock para expresar as súas inquietudes musicais. Nando Robles, (baixista), Fran Guirao (batería) e Javi Vox (guitarra/teclados), uníronse progresivamente.
Despois de numerosos concertos por toda España e de gravar diferentes demos, no ano 2000 editan o seu primeiro disco, “Private Life”, co que irrompen no panorama rock español e conseguen gran aceptación de público e crítica. Este bo arranque fixo que en 2003 firmaran por Pulpo Negro Records, para editar “Pose”.
En 2004 gañan a Final Europea do prestixioso certame GBOB Awards e editan “Segunda Vez”, un E.P. onde comezan a cantar en castelán. Ese mesmo ano gañan tamén a Final Mundial de los GBOB Awards e embárcanse nunha extensa xira acompañada dunha forte campaña de comunicación en todos os medios.
Tras un período compositivo, grandes actuacións en importantes festivais e unha exitosa xira por diversas cidades británicas nace “Invisible”, o seu terceiro disco destaca polo descaro que amosa a banda á hora de mesturar sons máis rock con influencias do Indie chegado desde o Reino Unido.
A súa música esperta un gran interese, a cervexa Estrella Levante coloca o single “Invisible” dentro das súas campañas publicitarias; Jorge Sánchez, director da película “La Noche de los Girasoles” elixe “Her diary” para a banda sonora do seu filme; o Real Murcia C.F. pídelles que compoñan o Himno do Centenario, que se presenta en Nueva Condomina, estadio do equipo Murciano.
Agora preséntanos “Fracciones de un Segundo”, o seu último traballo editado a principios de 2009. Un disco no que Second ten exprimido todas as súas influencias recentes e afastadas, un disco cargado de grandes momentos e sobre todo de grandes hits.
“Fracciones de un Segundo”, producido por Carlos Jean (Bunbury, Fangoria, Bebe, Hombres G) alcanzou na primeira semana a entrada nacional máis importante, ocupando os primeiros postos na lista oficial de ventas e fixo a Second merecedora da nominación a dous premios 40 Principales 2009.
Second, tráenos os seus riffs de guitarra e as súas melodías volven a remitirnos aos referentes anglosaxóns máis típicos sen perder de vista a lírica das bandas nacionais máis punteiras.
«rinôçérôse»
Campo da Feira, 23.30 h
Como un cometa deixando a súa estela no firmamento, «rinôçérôse» ten unha aureola galáctica. Se escoitas as súas cancións non podes esquecelas, pasan a formar parte de ti, parte da experiencia cognoscitiva.
Puntualmente etiquetados como “French Touch” ou combo de Montpellier, teñen realizado unha excelente carreira internacional, sempre mesturando efectos visuais de última xeración con impactantes cancións coas que expresan novas sensacións ao seu público, desde as súas orixes ata agora. Se “ver e sentir os sons” fóra natural, o acceso á música de «rinôçérôse» sería innato.
Unha das peculiaridades do grupo é que sempre convidan a participar nos seus albumes a distintos vocalista, aos cales conseguen sacarlles o mellor das súas voces cun enorme talento, é a poderosa razón pola que prestixiosos artistas se prestan ao xogo.
En Futurinô, o disco que presentarán en Arzúa, pódes gozar a Bnann de Infadels en “Head Like A Volcano”, a Mark Gardener de Ride en “Where You From?” e “Week-end Of Sin”, a Ninja (a super enerxética e sexy vocalista de The GO Team!) no single «Time Machine», Luke Paterson de Deaf Stereo cantando “Panic Attack” e “The Heroic Sculpture Of «rinôçérôse»” e a colaboración de dous compatriotas, Anna Muchin da banda indie cobSOn e Jessie Chaton, coñecido polos seu traballo con Justice en «D.A.N.C.E.» e por ser o aloucado líder da banda de glam-rock Fancy.
A «rinôçérôse», gústalle compoñer como unha fusión de moitas artes. En particular, a arte marxinal (Art Brut), coreografías, samples de computadoras e audiovisuais contemporáneos. Un proxecto tan marciano como auditivo, toda unha experiencia para Arzúa 2010.
Máis información en www.rinocerose.com
Actuación gañador Queixo Maquetón
Praza da Vila, 01.30 h
Un dos tres finalistas subirá ao escenario como gañador da 2ª edición do Concurso Queixo Maquetón. Este é un dos concertos máis esperados, a actuación do gañador esperta a curiosidade do público disposto a descubrir novas propostas.
Máis información queixomaqueton.blogspot.com
Anxo Lorenzo
Praza da Vila, 19.30 h
Comeza a tocar a frauta con tan só cinco anos e a gaita aos seis. Desde os doce anos colabora cos grupos tradicionais máis importantes de Galicia como Xabaral, Duos Pontes, Semente Nova ou Lembranzas Galegas, cos que realiza desde traballos de investigación e recollida de música tradicional ata gravacións, concertos e xiras por España, Francia EEUU, Inglaterra ou Irlanda.
Como solista e compositor pisou os escenarios dos máis importantes festivais do mundo celta como Lorient, Ortigueira ou o William Kennedy Internacional Festival Piping. Tten realizado xiras por distintos países europeos e americanos, recibindo os máis prezados galardóns do mundo da gaita como o premio Macallan do Festival Intercéltico de Lorient.
Ademais da súa vertente tradicional, artistas dos máis variados estilos teñen solicitado a súa colaboración en gravacións como Skape, Mónica Molina, Jaula de Grillos, Chambao, Los Feliz ou Poncho K. As súas gaitas e whistles teñen acompañado diversas xiras e concertos de Lúnasa, Kathryn Tickell, The Chieftains, Celtas Cortos, Michael McGoldric, Amistades Peligrosas, Rory Campbell ou Germán Díaz, convertendo a gaita tradicional nun instrumento vangardista, fusionándoa co pop, rock, chill out, hip-hop, música indú, jazz e a música electrónica, sen esquecer as súas raíces celtas.
Gaiteiro, compositor e produtor do Grupo SPIRITU 986, ten conseguido a unánime loanza da crítica pola perfecta fusión entre tradición e modernidade, unindo o son da gaita máis ancestral coa máis vangardista produción musical.
Na actualidade compaxina o seu grupo con concertos como solista e cursos de gaita e whistle.
Máis información en http://www.myspace.com/anxolorenzo
Mutenrohi
Praza da Vila, 21.00 h
Mutenrohi, a banda liderada por Xoán Carlos Fasero, continua coa presentación do seu sétimo disco “SETE”, despois duns anos moi intensos, coa publicación do seu disco décimo aniversario en directo “…e van dez”; coa xira conxunta con Cristina Pato nos anos 2006 e 2007 ou a gravación do CD+DVD que leva por título “Misturados”.
Ademais, hai que engadir a súa xira polo Reino Unido ao longo destes tres últimos anos, que os levou a tocar cos míticos Wolfstone en Escocia ou con Supergrass no Solfest.
“Sete” representa a madurez da banda e a fusión definitiva do pop coa música tradicional galega, un paso máis na madurez desta xa clásica formación do folk galego coa que poderemos gozar na Festa do Queixo 2010.
Máis información en www.mutenrohi.com
Actuación gañador Queixo Maquetón
Praza da Vila, 01.30 h
Un dos tres finalistas subirá ao palco como gañador da 2ª edición do Concurso Queixo Maquetón. Este é un dos concertos máis esperados, a actuación do gañador esperta a curiosidade do público disposto a descubrir novas propostas.
Tags Uncategorized
Zona de prensa da 35ª Festa do Queixo is proudly powered by
WordPress
Zero
Entries (RSS)
and Comments (RSS).
Febreiro 12th, 2010 at 9:23 a.m.
[...] Programa Musical de la Festa do Queixo 2010, junto con concursos gastronómicos, jornadas, charlas y actividades que [...]