MJ Pérez

MJ Pérez 2020-02-10T12:05:40+00:00

Project Description

MJ Pérez

MJ Pérez é unha das novas voces do panorama actual da música galega. Defínese como “cantautora”, mais se algo está claro é que MJ non é unha cantautora ao uso. Inicia o seu percorrido en 2014 e acumula máis de 150 concertos por diferentes cidades e vilas de Galicia e Portugal. Suma xa catro discos: un auto-editado (Ollos que non ven, síntoma de cegueira) e dous auto-producidos (Guerrilleira e Casandra), e estivo presente tanto en festivais coma nos principais circuítos musicais de Galicia. Neste momento presenta o seu cuarto álbum, “A Luz Prendida”, segundo de estudio, que conta coa colaboración de Iago Blanco na produción.

A música de MJ Pérez bebe da esencia da canción de autor, unha fusión de diversos estilos musicais co predominio do rock-pop ata o de agora, mais co seu novo disco emprende un cambio de rumbo no que os ritmos latinos e a música de raíz están máis presentes.  A palabra e a mensaxe dos temas cobra especial protagonismo xunto coa voz de MJ, cargada de personalidade.

MJ comeza o seu percorrido en 2014 co primeiro traballo “Ollos que non ven, síntoma de cegueira”. Un álbum auto-editado que a artista achegou ao público a través da rede. Logo disto, a súa actividade gaña forza, sumando concetos e colaborando con figuras como a poeta e escritora Mercedes Leobalde nas diversas presentacións das suas obras“Chamádeme Eva” ou “Funambulistas”. Deste xeito, MJ comeza a espertar o interese do público achegado á literatura e poesía.

O punto máis destacable deste momento para a artista foi a súa participación no “I Certame de Canción de Autor en Galego”, do que foi finalista xunto con artistas como Sofía Espiñeira ou Nastasia Zürcher.

O ano 2015 foi un momento de impulso para MJ, xa que comezou cun novo disco baixo o brazo: “Guerrilleira”, un álbum con doce temas unidos por un motivo común: a guerra. Un proxecto minimalista, cheo de frescura, no que artista experimenta unha evolución non só na súa música, senón que tamén no seu percorrido. Nese ano aumenta o número de concertos e chega a estar presente en festivais coma o Noroeste Pop Rock.

Xa en 2016, MJ continúa cunha intensa xira de concertos por toda Galicia, e remata o ano presentando un novo single e videoclip: “A Peza Solta”, no que conta coa colaboración da poeta coruñesa Lidia Bao. Tamén acada o segundo posto no VIII Concurso Musical da Deputación da Coruña, con grupos como Bala, The Trunks ou Jamie Fifthring.

O 2017 é un ano de inflexión para MJ, a artista presenta o seu terceiro disco, primeiro de estudio, que marca un antes e un despois no seu traballo. Trátase de “Casandra”, un álbum de 9 temas no que MJ explora novos estilos e sorprende rompendo co que nos tiña acostumados ata o de agora. É o primeiro álbum no que MJ grava con toda a súa banda, á que se suma unha serie de colaboracións de luxo: Richi Casás, Serj, Ailén Kendelman, Martiño Cabarcos e Paco Cerdeira.

Deste xeito, MJ despide o ano cunha intensa xira de presentación do seu novo disco e acadando un 1º posto na final do concurso Xuventude Crea 2017.

Despois de máis de un ano xirando co seu disco “Casandra”, MJ Pérez resulta finalista nos VI Premios Martín Códax da Música na categoría de Canción de Autor.

MJ lanza un novo single: “Vai Embora!”, o seu primeiro tema en portugués, co que a artista se achega dun xeito máis firme ao público portugués e emprende un novo camiño.

Agora prepara a saída do seu 4º disco, “A Luz Prendida”, un álbum de 15 temas que marca un punto de inflexión na carreira da cantautora arzuá.

LINKS DE INTERESE:

Facebook: https://www.facebook.com/MJPerezmusic/

Instagram: https://www.instagram.com/mj_eu/

Youtube: https://www.youtube.com/channel/UCu0bLWyuaXx9HowKizJzV1A/videos

Twitter: https://twitter.com/chamanmemj

Spotify: https://open.spotify.com/artist/0UH6vXcVJPFi138xDWBIOi

Web: mjperez.net