Luar na Lubre

Home/Artistas Festival/Luar na Lubre
Luar na Lubre 2020-02-09T11:04:38+00:00

Project Description

Luar na Lubre

Unha das bandas de referencia da música folk. A súa música non entende de fusións e confusións, de modas e de vaivéns. É un exemplo de lealdade a unha maneira de facer, de descubrir enlaces entre a raíz e o contemporáneo, de constancia en tempos difíciles que sempre da froitos. A música de Luar Na Lubre é, suxerinte, variada, que permite o baile e a ensoñación. Son cancións vitais, con alma, ben elaboradas e con vocación de permanencia. De gran alcance colectivo e que voan por encima das fronteiras.

En 2018 publicaba novo disco, “Ribeira Sacra”. A banda liderada por Bieito Romero gravou este seu último traballo discográfico no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense), e o seu obxectivo é poñer en valor, a través da música, a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio. Este novo traballo inclúe 26 temas que proveñen de composicións propias, música tradicional e melodías “que van lembrare remarcar todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra”, en palabras de Bieito Romero, que salientou que “esta é a primeira vez que se fai un disco destas características para potenciar e difundir a Ribeira Sacra a través da música, un territorio que é desde sempre patrimonio da humanidade, aínda que oficialmente aínda non, e a nosa idea é poder falar coa grandeza da Ribeira Sacra, potenciándoa a través da música”.

Bieito remarcou, que esta gravación “tocoume no corazón, porque as miñas orixes están na Ribeira Sacra, e ademais, para todos supuxo un proxecto moi especial porque comezamos a traballar nel na data en que os lumes fixeron estragos en Galicia en 2017, e o feito de estar nun territorio de tal alto valor natural, como é a Ribeira Sacra, nos fixo arrancar con moita tristura”. Lembrou o labor etnográfico e de recolleita de sons naturais e testemuñas que enriqueceron este traballo musical. “Fomos polas aldeas a falar coa xente, recollemos sons de vento, carros, campás, e tamén imaxes de nevaradas, amenceres…, de tal xeito que neste traballo mestúrase a música co ambiente da Ribeira Sacra”. A súa pretensión, remata, “foi acadar unha banda sonora humana e natural”.

O traballo discográfico recolle tamén nas letras feitos e personaxes históricos, como “Romasanta”, e de lenda, como os “Felos de Maceda e Esgos”, de fonda tradición etnográfica no entroido, ademais de textos en “Barallete”, a linguaxe dos afiadores.

LINKS DE INTERESE

http://www.luarnalubre.com

https://www.facebook.com/Luar.Na.Lubre.Oficial/